Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Noia convoca as axudas para o servizo de comedor e a compra de libros e material didáctico no curso 2020-2021


Destina 38.500 euros a estas axudas, dirixidas a educación infantil e primaria, que poderán solicitarse no Rexistro Xeral durante quince días

O Concello de Noia destinará 38.500 euros ás axudas para adquisición de libros de texto e material didáctico e para o financiamento do servizo de comedor escolar para alumnos e alumnas de educación infantil e primaria durante o curso académico 2020- 2021. Unha convocatoria cuxas bases foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia, polo que a partir de mañá, 17 de xullo, ábrese un prazo de quince días para a presentación de solicitudes no Rexistro Xeral do Concello.
Para poder acceder a estas axudas é preciso que todos os membros da unidade familiar estean empadroados no Concello de Noia cun mínimo de 6 meses de antigüidade, ter algún fillo/a matriculado nun curso de educación infantil ou primaria nun centro público ou concertado no termo municipal noiés para o curso 2020-2021 e non superar os ingresos brutos per cápita da unidade familiar o salario mínimo interprofesional (10.302,60 euros/ano).
Contía das axudas
A contía das axudas variará en función da renda per cápita familiar. Así, as axudas para adquisición de libros ou material escolar serán de 30 euros por alumno e curso se a renda per cápita familiar é igual ou inferior a 10.302,60 euros. Unhas axudas para as que hai prevista unha achega de 15.000 euros, ampliables noutros 15.000 euros en caso de non ser suficiente para cubrir toda a demanda.
No caso das axudas para o financiamento do servizo de comedor serán de 50 euros/mes para rendas per cápita igual ou inferior a 3.434,20 euros; e de 30 euros/mes para as rendas comprendidas entre eses 3.434,20 e os 10.302,60 euros. En ambos casos, nos meses de setembro e de xuño o importe da axuda será do 70%.
A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica no prazo de 15 días, a contar dende mañá venres 17 de xullo. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación: fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar ou fotocopia do libro de familia, acreditación documental de situacións familiares especiais (desemprego do sustentador principal, orfandade, divorcio, vítima de violencia de xénero…), acreditación da capacidade económica (fotocopia da declaración da Renda do 2018 ou, no caso de non estar obrigado, certificación da AEAT) e, nos casos de separación ou divorcio, haberá que achegar sentenza ou convenio no que conste a pensión
compensatoria ou por alimentos determinada.